Blog

16 April, 2020 0 Comments

Social Telephone for the accompaniment and support to the citizenship before COVID-19

O Teléfono (900 400 800) do Voluntariado refórzase como Teléfono Social para o acompañamento e apoio á cidadanía ante a pandemia do coronavirus

Debido á actual situación de emerxencia sanitaria, o actual teléfono do voluntariado (900 400 800), dependente da Consellería de Política Social, funcionará tamén como un teléfono social. O obxectivo é proporcionar acompañamento e apoio aos cidadáns que o precisen, priorizando aquelas chamadas que alerten de situacións de vulnerabilidade ou emerxencia social.

O horario deste servizo será de 8.00 a 20.00 horas os sete días da semana.

O persoal que atende este teléfono responderá, de xeito maioritario, os seguintes tipos de chamadas:

1. Persoas que chamen para resolver dúbidas básicas relacionadas co COVID-19, tal e como vén facendo o teléfono 012.

2. Persoas que necesiten apoio psicolóxico especializado. Derivaráselles a un/unha profesional deste ámbito.

3. Persoas que chamen para informar sobre posibles casos de especial vulnerabilidade e emerxencia social, sexan propios ou alleos, que serán analizados pola Consellería de Política Social e, de ser o caso, derivaranse aos servizos sociais do concello.

4. Persoas que chamen para ofrecerse voluntarias nas próximas semanas

O obxectivo pasa por crear unha Rede de persoas voluntarias, coordinada pola Consellería de Política Social, para dar resposta en dous casos diferentes:

De xeito prioritario: Acompañamento telefónico. O persoal do teléfono social derivará chamadas ás persoas voluntarias anotadas nesta rede, unha vez se teña un número nutrido de persoas, para que poidan dar simplemente conversa a aquelas persoas vulnerables ou que máis o necesiten.

– Apoio a concellos e entidades de acción voluntaria. Naqueles casos nos que as persoas voluntarias prefiran realizar unha actividade de acción voluntaria de carácter presencial, o propio servizo de Voluntariado da Xunta de Galicia poñerá á persoa voluntaria en contacto cos servizos sociais de cada concello ou con entidades de acción voluntaria de cada zona. De xeito preferente, esta colaboración farase a través de Cruz Roja Española en Galicia. En todo caso, deberanse seguir estritamente os protocolos de seguridade e sanitarios.

http://www.voluntariadogalego.org/campusonline/web/modulo.php?mod=ppr&idc=412